O Supermercados Froiz buscará o podio na Copa de España

Pontevedra
22 de febreiro 2018

O equipo afronta unha nova tempada chea de ilusións, con ganas de conseguir novos triunfos e a mirada posta na primeira proba da Copa de España, que se celebrará na cidade de Don Benito

Presentación do Supermercados Froiz na tempada do seu 30 aniversario
Presentación do Supermercados Froiz na tempada do seu 30 aniversario / Mónica Patxot

O Circuíto Guadiana Don Benito (Badajoz) acollerá a primeira proba da Copa de España elite- sub 23 de ciclismo, e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz prepárase para deixar o podio ben alto. A competición, que se celebrará o vindeiro domingo 25, constitúe a 52ª edición deste circuíto, cun percorrido igual ao das anteriores que consta de 171 quilómetros de distancia.

O campionato, que comezará ás 10.00 horas e pasará por Don Benito, La Haba ou Magacela, entre outras, chega para os do Supermercados Froiz nun ano especialmente doce para o equipo, que o venres 9 de febreiro celebrou o seu 30º aniversario de historia. Por este motivo o conxunto afronta esta proba con moitas ilusións e ganas de facer un bo papel. 

Os integrantes do grupo alimentario que tomarán a saída na Avenida Alonso Marín –que será tamén a meta do circuíto- son Sergio Vega, Ander del Castaño, Diego Noriega, Joan Ruiz, Aaron Mariño, Diego González e Miguel Montero. Os atletas enfrontaranse a un percorrido bastante plano, de rodaxe rápida e no que terán que estar atentos a posibles cortes que se realicen nas últimas voltas do circuíto.

Máis de 20 equipos apuntados para competir nunha Copa de España que tamén cumpre o seu vixésimo aniversario, e que se converteu nun escaparate inmellorable para aqueles afeccionados ao ciclismo que queren atopar o seu oco no mundo profesional.