O Grupo Deportivo Supermercados Froiz inicia este mércores unha das probas máis esixentes deste inicio de tempada. A Volta a Estremadura é unha carreira de cinco días na que o conxunto alimenticio tratará de ofrecer a súa mellor versión para facerse coa vitoria.
A competición comeza esta tarde de mércores cunha contrarreloxo por equipos en Plasencia. A iso seguiralle nos sucesivos dias, catro etapas en liña das que as dúas últimas, pola dureza do seu percorrido, serán decisivas.
Unha volta que percorrerá de norte a sur a comunidade autónoma de Estremadura e onde a escuadra alimenticia parte como unha das máis fortes liderada por Jose Autran, Alejandro Luna e Daniel Jimenez na alta montaña, acompañados polos gregarios Miguel Juan, Fernando Santos, Gonzalo Inguanzo e Angel Maneiro.
Doutra banda, o sábado e domingo terán lugar as clásicas de Zamora: o Trofeo Concello de Zamora e o Trofeo San José. O Supermercados Froiz estará presente cun equipo formado por Vicente Vermellas, Alejandro Gómiz, Jorge Garcia, Raul Casalderrey, Miguel Rodríguez, Ruben Fandiño e Alvaro Navas.