O taekwondo pontevedrés, ao asalto do Open G1 de París

Pontevedra
13 de novembro 2015

Taekanart, Mace Sport e Mat's estarán representados na capital francesa, á que tamén acudirá a caldense Lúa Piñeiro nunha importante parada no seu reto de conseguir a clasificación olímpica

Lúa Piñeiro na entrada do Centro de Alto Rendemento
Lúa Piñeiro na entrada do Centro de Alto Rendemento

Preto de 600 deportistas participarán esta fin de semana no XI Open de París de Taekwondo, na que é unha das principais citas no tramo final de ano.

Entre eles acudirá unha boa representación de taekwondistas pontevedreses, destacando Lúa Piñeiro (Natural Sport), que ten na capital francesa unha boa oportunidade para achegarse ao soño da clasificación olímpica ao tratarse dun open de categoría G-1.

Dos oito deportistas galegos que se desprazarán a París, sete son da comarca de Pontevedra.

Ademais de Lúa Piñeiro, competirán polo Taekanart pontevedrés Nicolás Argibay, Daniel Otero e Yerai Rodríguez, polo Mace Sport farao Javier González e polo Mat's de Marín Katya Calvar. Tamén está inscvrito o pontevedrés Borja Ríos (Hebe).

A competición senior celebrarase o sábado 14 e o domingo será a quenda dos junior.