A experiencia dos taekwondistas pontevedreses no venres negro de París

Pontevedra
14 de novembro 2015

O adestrador do Taekanart de Monte Porreiro, Toño Ríos, conta a PontevedraViva como viviron os ataques terroristas na capital francesa, na que se atopaban para participar no Open de París. Todos os deportistas galegos atópanse ben á espera de poder emprender a viaxe de regreso

Expedición do Taekanart de Monte Porreiro en París
Expedición do Taekanart de Monte Porreiro en París / Toño Ríos

Viaxaron á que era unha competición máis, de gran nivel e importancia para sumar puntos no ránking mundial, pero todo iso quedou nun segundo plano.

Unha ampla representación de taekwondistas pontevedreses atopábanse este venres na capital francesa para competir no Open de París de categoría G-1 cando se sucederon os terribles atentados terroristas.

A salvo desde o hotel Toño Ríos, adestrador do Taekanart de Monte Porreiro, conta a súa experiencia propia e a dos tres deportistas pontevedreses do seu club que lle acompañaban: Nicolás Argibay, Daniel Otero e Yerai Rodríguez.

Todos se atopan ben, do mesmo xeito que o resto de deportistas galegos que acudían á competición, como o pontevedrés Borja Ríos, a marinense Katya Calvar ou a caldense Lúa Piñeiro, á espera de poder empreden a viaxe de regreso a casa, tendo en conta que a competición foi suspendida de maneira preventiva por mor dos ataques. 

Non chegou a viaxar, a pesar de estar convocado, Javier González, do Mace Sport, ao afectarlle xa as restricións impostas polo goberno francés.

Toño Ríos: "La noche fue un caos de sirena. Estuve despierto hasta las 3:30 y no paraban de pasar patrullas"

"Esto fue un poco caótico, pero a nosotros nos cogió lejos, a unos siete kilómetros de lazona de conflicto", explica Toño. Estaban no hotel, desde onde "veíamos pasar a las patrullas policiales y las ambulancias, y más tarde militares y helicópteros", lembra.

Os nervios trasladáronse tamén a Pontevedra, onde os seus familiares foron tranquilizados con fotos dos propios deportistas desde as súas habitacións.

"La noche fue un caos de sirenas. Estuve despierto hasta las 3:30 y no paraban de pasar patrullas", comenta o adestrador pontevedrés.

Máis tranquilos, este sábado permaneceron no hotel toda a mañá por precaución, saíndo unicamente ao hotel veciño onde se aloxa o equipo nacional, entre os que se atopan Borja Ríos, irmán de Toño, Katya Calvar e Lúa Piñeiro. Xa pola tarde animáronse a saír á rúa: "Por la mañana había poco movimiento en las calles, pero a mediodía fuimos a comer y a dar una vuelta y ahora el tráfico es el típico del país", explicou Toño Ríos a media tarde.

O seu voo de regreso está previsto para a noite do domingo, momento no que esperan poder volver a casa e deixar atrás un pesadelo que esta vez tiveron que vivir demasiado preto.