O Teucro, aínda sen Balázquez, visita a un necesitado Puerto Sagunto

Pontevedra
02 de marzo 2018

Por segunda xornada consecutiva os azuis xogan a domicilio cun equipo de circunstancias polas baixas pero coa moral dos dous puntos conseguidos en Granollers. Unha vitoria ante os valencianos, que marcan actualmente o descenso, deixaría case sentenciada a permanencia na máxima categoría

Luis Montes e Quique Domínguez, nun adestramento do Teucro no Municipal no curso 17/18
Luis Montes e Quique Domínguez, nun adestramento do Teucro no Municipal no curso 17/18 / Mónica Patxot

Por segunda xornada consecutiva a Sociedad Deportiva Teucro percorre quilómetros para afrontar fóra da casa unha nova xornada da Liga Asobal, cita na que podería deixar case sentenciada a súa permanencia na máxima categoría.

Sería así en caso de vitoria este sábado (18:30 horas) na cancha do Puerto Sagunto, equipo ao que avantaxa en 8 puntos e que ocupa actualmente o primeiro dos postos de descenso. Pero iso é unha arma de dobre fío, xa que a necesidade fai que os azuis esperen un rival co coitelo entre os dentes.

"Esta semana allí estarán hablando de final", recoñece Quique Domínguez con todo o que iso implica e un ambiente que se espera hostil desde o punto de vista deportivo.

"Es verdad que venimos de conseguir la primera victoria fuera, pero el partido va a ser muy diferente en cuanto ambiente y la intensidad que intentarán imponer", explicou o técnico pontevedrés antes de partir á primeira hora deste venres cara a terras valencianas.

Non viaxa aínda na expedición teucrista Yoan Balázquez, na fase final de recuperación da escordadura de xeonllo que se produciu ante Anaitasuna e ao que non se quixo forzar. A intención do club pasa porque poida estar en condicións de estar co equipo o luns na volta aos adestramentos pensando na ida a eliminatoria de cuarta rolda da Copa do Rei ante o Guadalajara que terá o seu primeiro envite o vindeiro mércores 7 de marzo en Pontevedra.

O equipo dos azuis volve ser de circunstancias, xa que seguen fóra por lesión Carlos García e Óscar Silva, ademais de José Manuel Rial, pero iso non mina a moral teucrista tras demostrar en Granollers que o equipo "es capaz de ganar sin Balázquez", declarou Quique Domínguez.

O Puerto Sagunto pola súa banda, que en 2018 só sumou un punto (empate ante o Zamora), afronta a cita con todo o plantel dispoñible.

A parella de colexiados andaluza formada por Fernández Murillo e Molina Castro serán os encargados de dirixir o encontro entre Puerto Sagunto e Teucro correspondente á vixésima xornada da Liga Asobal.