O Teucro acusa as baixas e dá vida ao Puerto Sagunto (25-21)

Pontevedra
03 de marzo 2018

Non puido o Teucro sentenciar practicamente a súa permanencia e deixou respirar ao Fertiberia Puerto Sagunto, nun partido moi igualado ata o final, no que os valencianos conseguiron escaparse coa súa máxima renda para terminar vencendo (25-21), resultado que polo menos permite ao Teucro manter o parcial entre ambos ao seu favor ao gañar no municipal pontevedrés por oito goles de marxe

Partido entre Puerto Sagunto e Teucro no Ovni
Partido entre Puerto Sagunto e Teucro no Ovni / BM Puerto Sagunto

Non puido o Teucro sentenciar practicamente a súa permanencia e deixou respirar ao Fertiberia Puerto Sagunto, nun partido moi igualado ata o final, no que os valencianos conseguiron escaparse coa súa máxima renda para terminar vencendo (25-21), resultado que polo menos permite ao Teucro manter o parcial entre ambos ao seu favor ao gañar no municipal pontevedrés por oito goles de marxe.

Os comezos do partido estiveron marcados polas paradas de Santana e Bruixola. A primeira liña do Teucro, formada por Borja Méndez, Dani Hernández e De Castro, non conseguía pasar a defensa branquivermella cuns sólidos Zmvac e Spiljak como centrais defensivos, e varios dos ataques terminaban en lanzamentos forzados. Mellores posicións de lanzamento conseguía o Fertiberia mediante o xogo combinativo de Boisedu, Inestrosa e Querín, que con todo carecía da eficacia que tanto acusaron noutros partidos.

Os azuis especialmente, botaron de menos a ausencia do seu máximo goleador Yoán Balázquez, nun partido no que as defensas se impuxeron aos ataques, especialmente na primeira parte.

O partido chegou 7-6 ao ecuador da primeira parte. O Fertiberia parecía esgotar os seus recursos ofensivos e lanzaba sen éxito unha e outra vez desde o exterior, pero suplíao mantendo un gran nivel defensivo. No minuto 20 Querín aumentaba a diferenza a dous provocando o primeiro tempo morto por parte do equipo pontevedrés.

Un gol de Iván Fernández permitía ao Teucro irse por diante ao descanso cun curto 9-10, pero Puerto Sagunto volveu mellor á pista e remontou 13-12, para entrar nunha fase de alternativas, ata que Spiljak culminaba a escapada dos seus (17-14), obrigando a Quique Domínguez a esgotar os seus tempos mortos.

Aínda por riba, os azuis atopábanse co acerto do porteiro Chueca, que saíu para deter dous dos tres penaltis que lle lanzaron. Un gran Boisedu e un efectivo  Folqués no extremo, permitían ao conxunto valenciano manter unha renda de dous goles, ata que a exclusión de Quintas con 20-19 no luminoso terminaba coas esperanzas galegas permitindo que Puerto Sagunto ampliase a súa vantaxe nos últimos minutos ata ese 25-21 final.

FERTIBERIA PUERTO SAGUNTO (25): Bruixola, Chueca ( p.s.); Alegre, Pérez de Inestrosa (2), Prendes (5), Boisedu (6, 2 de penalti), Querín (4), Sifre (1),  Nebot, Juande Linares, Rubén Ruiz, Spiljak (2), Folqués (4), Ángel Fernández, Zmvac (1) e Pocholo.

SD TEUCRO (21): Javi Santana, García Lloria ( p.s.); Edu Moledo, De Castro (1), Samu Gómez (2), Borja Méndez (4), Dani Hernández (7, 4 de penalti), Iván Fernández (2); Johnny Medina, Moyano (1), Quintas (1), Iglesias (2, 1 de penalti), Carlos Gehrhardt (1) e Samu Pereiro.

Árbitros: Fernández Molina e Murillo Castro. Excluíron dous minutos a Rubén Ruiz polo Fertiberia, e a Johnny Medina, Quintas e Dani Hernández polo Teucro.

Marcador cada cinco minutos: 2-2, 3-4, 7-6, 7-6, 8-7, 9-10 (descanso), 12-12, 15-14, 17-15, 18-17, 21-19 e 25-21 (final).

Incidencias: Pavillón Ovni (Sagunto). Uns 1.200 espectadores.