O Teucro amplía o contrato de Iago Rodríguez, que dá o salto ao primeiro equipo

Pontevedra
04 de agosto 2020

O primeira liña pontevedrés formouse na base do conxunto azul, xogou no Poio Artai, Balonmán Pontevedra e Rasoeiro, en dúas etapas, antes de fichar polo filial teucrista hai tres tempadas

O Teucro anuncia a renovación do canteirán Iago Rodríguez
O Teucro anuncia a renovación do canteirán Iago Rodríguez / SD Teucro

Iago Rodríguez continuará unha tempada máis como xogador do Teucro. A xunta xestora da entidade pontevedresa, despois de ter en conta a valoración da adestradora Irene Vilaboa e o responsable da dirección deportiva Milucho Pintos, fai pública a renovación do primeira liña pontevedrés que este ano dará o salto definitivo ao primeiro equipo.

“Renovo co Teucro porque é unha oportunidade estar no primeiro equipo despois de estar no club tantos anos", declara o xogador que valora tamén a aposta pola canteira que está a facer o cadro azul.

“Espero conseguir os obxectivos propostos por parte do club e poder axudar achegando o máximo”, engade o canteirán que comezou a súa etapa no equipo pontevedrés na súa etapa como benjamín ata xuvenil. Logo pasou polo Rasoeiro do Grove, Poio Artai e Balonmán Pontevedra para regresar un ano despois ao conxunto meco. 

Na tempada 2018-2019 regresou ao Teucro para reforzar ao filial de Primeira Nacional e na terceira tempada da súa segunda etapa como xogador azul dá o salto definitivo ao primeiro equipo.

"Iago é un xogador de moito oficio e de gran intelixencia táctica", din del no comunicado emitido pola xunta xestora para anunciar a súa renovación.