O Teucro deixa atrás as vacacións de Nadal a golpe de dobre sesión

Pontevedra
03 de xaneiro 2017

Os azuis volveron este martes 3 de xaneiro ao traballo tras dúas semanas de vavaciones de Nadal cunha esixente programación de adestramentos, co obxectivo de recuperar a forma para recibir no Municipal o día 14 ao Zamora, nun duelo clave na loita polo ascenso directo. Saúl Campo, con gripe, ausente nas primeiras sesións

Adestramento do Teucro no Municipal
Adestramento do Teucro no Municipal / PontevedraViva

Atrás quedan dúas semanas de vacacións de Nadal para o primeiro plantel da Sociedad Deportiva Teucro, que desde este martes 3 de xaneiro xa súa a pinga gorda para intentar recuperar o estado de forma co terminaron o ano.

O obxectivo dos azuis pasa por chegar en óptimas condicións ao primeiro partido de liga do ano, todo un duelo polo ascenso directo o día 14 de xaneiro no Municipal, ante o Zamora.

Por iso o corpo técnico encabezado por Quique Domínguez programou adestramentos en dobre sesión durante as primeiras xornadas de traballo do ano, para compensar os días extra de vacacións que concedeu ao equipo tras o seu sensacional recta final de 2016.

Desta forma tanto este martes 3 como o mércores 4 os azuis afrontan un adestramento físico en horario matinal, mentres pola tarde é quenda para o traballo táctico en pista, aínda que deben facelo no pavillón de Marcón ao estar o Municipal ocupado polo Torneo de Reis de fútbol sala organizado polo Leis Pontevedra.

Saúl Campo, afectado de gripe, é o gran ausente nas primeiras sesións do equipo, mentres a nota positiva achégaa José Manuel Rial ao comezar a realizar traballo de grupo entrando así na fase final de recuperación da súa grave lesión no ombreiro.

Durante a minipretempada de dúas semanas que deben afrontar os teucristas fixáronse ademais dous encontros amigables, o primeiro deles tras un cambio de rival o vindeiro sábado 7 (12:00 horas) ante o Ismai Maia portugués e o luns 9 (20:45 horas) ante a Selección de Xapón, ambos no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.