O Teucro dórmese en defensa e cede a vitoria 'in extremis' en Alacante (27-26)

Pontevedra
14 de febreiro 2021

A Sociedade Deportiva Teucro segue sumando derrotas esta tempada. A última foi este domingo en casa do Alacante nun partido vibrante desde o minuto uno e que se decidiu nos instantes finais. Aínda que os de Irene Vilaboa fóronse ao descanso co marcador ao seu favor, os erros non forzados en ataque e unha desastrosa defensa a falta de 13 segundos para que soase a bucina decantaron a balanza a favor dos locais que lograron a vitoria 'in extremis' por 27-26

Partido entre o Alacante e a Sociedade Deportiva Teucro
Partido entre o Alacante e a Sociedade Deportiva Teucro / SD Teucro

A Sociedade Deportiva Teucro segue sumando derrotas esta tempada. A última foi este domingo en casa do Alacante nun partido vibrante desde o minuto uno e que se decidiu nos instantes finais. Aínda que os de Irene Vilaboa fóronse ao descanso co marcador ao seu favor, os erros non forzados en ataque e unha desastrosa defensa a falta de 13 segundos para que soase a bucina decantaron a balanza a favor dos locais que lograron a vitoria 'in extremis' por 27-26.

Saíron os dous equipos dubitativos para gol, onde o máximo protagonismo recaeu sobre os gardametas (3-3, min. 7). 

A boa defensa realizada durante os seguintes compases, permitiu ao Teucro anotar un parcial de 0-2 que os poñía coa maior vantaxe ata o momento cando se alcanzaba o minuto 10 (3-5). Non durou máis o dominio teucrista, que cometeu dous erros consecutivos en ataque concederon a reacción rival coa que devolveron a igualdade máxima que se mantivo durante o primeiro tempo. Se os de Irene Vilaboa anotaban, o Alacante respondía da mesma maneira.

Nos últimos minutos, os tantos de Roi Sierra e Remeseiro deron ao Teucro algo de vantaxe (11-13, min. 27). Alberto González anotaba no ataque do Alacante, pero novamente aparecía Roi para devolver a diferenza de dous goles coa que se chegou ao descanso (12-14).

Tras o paso polos vestiarios o partido volveuse tolo. O Teucro non foi capaz de aproveitar dous ataques consecutivos por precipitarse nos pases e chegaron os nervios. Non só igualou o Alacante, senón que grazas ás dúas paradas consecutivas de Vaqueira deron a volta ao luminoso para poñerse por diante, obrigando a Irene Vilaboa a parar o tempo (18-16, min. 12).

A boa defensa teucrista permitiu aos seus espertar e devolver a igualdade ao marcador no minuto 17, deixando todo por decidir nos instantes finais (20-20).

Nese momento a zaga pontevedresa deu un paso adiante e provocou dous erros non forzados no ataque alacantino que non foron aproveitados polo Teucro. Con todo, á terceira foi a vencida. Remeseiro fixo a guerra pola súa conta para interceptar o pase rival e anotar para poñer aos seus outra vez por diante (23-24).

Pouco durou a alegría ao equipo de Irene Vilaboa, que cometeu dous erros en ataque se que se traduciron nun parcial de 2-0 en contra co que o Alacante recuperou o dominio no marcador a falta de dous minutos para a conclusión (25-24, min. 28).

Desatouse a tolemia nos instantes finais. Miguel Sío empatou para o Teucro e Yeray Mancebo respondeu para devolver a vantaxe aos locais a falta de 40 segundos para que soase a bucina. O balón pasou a mans do Teucro, que igualou cun lanzamento de Remeseiro cando quedaban 13 segundos de partido. Os de Pontevedra só tiñan que aguantar en defensa para salvar o empate pero durmíronse. Paco Llópis recibiu en primeira liña e anotou o definitivo 27-26, deixando ao Teucro sen tempo para reaccionar.