Remontada épica do Teucro para salvar un empate fronte o Lalín (29-29)

Pontevedra
20 de febreiro 2021

Remontada épica a que se viviu este sábado no Pavillón Municipal entre dous equipos obrigados a sumar para chegar coas mellores opcións á fase de loita pola permanencia en División Honra Prata. A Sociedade Deportiva Teucro, que chegou ao descanso cunha diferenza de 8 goles en contra, tirou de garra para remontar na segunda metade e salvar un punto moi valioso fronte o Lalín

Partido entre o Teucro e o Lalín no Pavillón Municipal
Partido entre o Teucro e o Lalín no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

Remontada épica a que se viviu este sábado no Pavillón Municipal entre dous equipos obrigados a sumar para chegar coas mellores opcións á fase de loita pola permanencia en División Honra Prata. A Sociedade Deportiva Teucro, que chegou ao descanso cunha diferenza de 8 goles en contra, tirou de garra para remontar na segunda metade e salvar un punto moi valioso fronte o Lalín.

Esperábase un partido equilibrado, cos dous equipos en busca dunha vitoria vital na loita pola permanencia. Con todo, foi o Lalín o que saíu máis forte, liderado por un Jorge López (3 goles) que anotaba cada lanzamento e colocaba un parcial de 1-5. O marcador en contra obrigou a parar o cronómetro a Irene Vilaboa, que vía nos seus unha falta de acerto considerable ao anotar un só gol cando se cumpriron o case sete minutos de encontro.

Recortou distancias o Teucro en ata dous tantos (4-6, min. 12), pero o Lalín retomou as rendas para endosar tres goles consecutivos que poñían en aprietos aos locais (4-9). Caue Herrera rompeu a mala serie para portería dos azuis, dando paso a un intercambio de goles ata que se alcanzou o minuto 20 (6-11).

Quedaban 10 minutos para chegar ao descanso e o Teucro necesitaba unha reacción se quería chegar vivo á segunda metade, pero a negativa para gol, sumada ao ataque irresistible do rival, xerou unha brecha que se antollaba difícil de pechar (10-18).

Tras o paso polos vestiarios, cada ataque anotado por Lalín foi respondido por un Teucro que non foi capaz de reducir distancias ata pasado o minuto seis, cando aproveitaron a superioridade numérica tras a exclusión de Duarte para anotar un parcial de 3-0 (15-22, min.8).

Empezaron os xogadores de Irene Vilaboa a ofrecer boas sensacións con balón e sen el, provocando os erros no ataque lalinense que se traduciron en oportunidades para seguir pelexando pola vitoria. Remeseiro (+2), Pedro Sánchez e Caue Herrera, moi activos en ataque, deron un paso adiante para seguir acurtando a diferenza que os separaba dunha posible vitoria (19-23).

Nese momento alcanzouse o ecuador do segundo acto, cun Teucro que parecía chegar enchufado aos instantes finais e cun Lalín que comezaba a ver perigar o partido. Irene Vilaboa cambiou a unha defensa 5-1 e os seus melloraron, reducindo a tan só dous goles e con tempo aínda para a remontada.

Chegouse á recta final e o marcador estaba en 27-29. O Teucro fíxose forte en defensa para provocar o erro rival e, acto seguido, o contragolpe que Remeseiro non dubidou en enviar á rede (28-29).

Tan só quedaba un minuto e chegou a polémica. O tempo comezou a correr e o cadro arbitral pitou unha falta a favor do Lalín un tanto dubidosa que acabaron estrelando no corpo de Wermbter. O gardameta local recolleu o balón e provocou outra contra que pillou descolocados os xogadores visitantes para aproveitar, por mediación de Miguel Sío, o último ataque do partido para colocar o empate a 29 cando soou a bucina.

Empate moi valioso o logrado polo Teucro este sábado despois de ver perigar o partido tras unha desastrosa primeira metade. A próxima cita dos de Irene Vilaboa será fronte o Eivissa (27 de febreiro) e, unha semana despois, disputarán outro dos duelos vitais para a loita pola permanencia, o encontro aprazado contra o Bordils (6 de marzo).

Consulta as estatísticas do Teucro-Lalín