O Teucro, liberado tras o seu primeiro triunfo, márcase a permanencia como meta da primeira fase da liga

Pontevedra
24 de novembro 2020

Os azuis suman seis puntos a falta dun partido para iniciar a segunda volta, que deben terminala entre os cinco primeiros para asegurar a permanencia e competir polo ascenso

Partido entre o Teucro e o Sporting Alicante no Pavillón Municipal de Pontevedra
Partido entre o Teucro e o Sporting Alicante no Pavillón Municipal de Pontevedra / Cristina Saiz

O Teucro colleitou esta fin de semana o seu primeiro triunfo da tempada despois de derrotar ao Lalín a domicilio. Trátase dunha vitoria balsámica e urxente non só para afastar aos pontevedreses dos postos máis baixos da clasificación, tamén para mellorar os ánimos dun plantel moi tocado tras a derrota contra o Alacante e que agora ve máis preto o obxectivo de conseguir a permanencia, para o que necesita concluír a primeira fase da liga entre os cinco mellores.

"Facíanos falta", recoñece a adestradora Irene Vilaboa sobre este primeiro triunfo como premio para un plantel "que traballa ben", pero que xa padecía un pouco de "ansiedade" porque os resultados non chegaban. "A derrota contra Alacante, fíxoos traballar aínda máis duro", engadiu a preparadora, moi satisfeita coa actitude dos seus.

Non se pode conformar o Teucro con este primeiro triunfo. "Temos ganas de gañar na casa, de meternos arriba e de puntuar de dous en dous, non só por pelexar polo ascenso, senón por conseguir a permanencia na primeira fase", sostén Vilaboa, consciente de que o inicio da segunda volta a está próximo e que a marxe de manobra é cada vez menor.

Os dous próximos rivais marcarán as aspiracións do conxunto azul. Ibiza e San Pablo Burgos marchan por encima dos pontevedreses, polo que conseguir derrotalos pode catapultar aos de Vilaboa á zona alta da táboa. Actualmente marchan en sétima posición, con seis puntos conseguidos en catro empates e unha vitoria, a só un punto de coarse no top 5.

O Teucro segue sendo un equipo en construción, pero Vilaboa está cada día máis satisfeita coa evolución dos seus xogadores e, aínda que recoñece que deben seguir mellorando para alcanzar o nivel desexado para competir nesta categoría, "moitos xa están a puntiño pero non hai que apurar as cousas", conclúe a adestradora teucrista convencida de que o traballo realizado por todo o club acabará dando os seus froitos.