Coa moral polas nubes e convencidos de que poden certificar a pemanencia sen apuros na primeira fase da competición. Así recibirá o sábado, a partir das 20.30 horas no Pavillón Municipal, o Teucro ao Ibiza.
Os de Irene Vilaboa conseguiron o seu primeiro triunfo da tempada, despois de catro empates e tres derrotas, na súa visita a Lalín. Un triunfo que lle serviu para fuxir da zona baixa da táboa e achegarse aos rivais da primeira metade da clasificación, lugar que deben ocupar os azuis para asegurarse a permanencia e participar na carreira polo ascenso da segunda fase da tempada na que se medirán aos rivais do outro grupo da División de Honra Prata.
Para comprobar o crecemento do persoal teucrista chegará a Pontevedra un rival duro e que se está convertendo nunha das revelacións da tempada. O Ibiza acumula tres vitorias consecutivas e, con nove puntos, marcha terceiro na clasificación por detrás de Barça B e Atlético Novás. Unha vitoria dos locais non só serviría para disparar o optimismo, tamén situaría aos baleares a só un punto.
Unha situación impensable para empezar a segunda volta, que o fará a próxima semana, tendo en conta o irregular arranque da tempada. Os de Irene Vilaboa viron como se lle escapaban vitorias nos minutos finais de varios partidos que fixeron efecto na confianza dun inexperto persoal que agora empeza a recoller os froitos dun intenso traballo de adaptación á categoría.