As charlas do programa 'Saúde, alimentación e actividade física' comezan a vindeira semana da man do Concello e a SD Teucro

Pontevedra
28 de novembro 2020

Co obxectivo de concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de facer exercicio físico regular e levar unha dieta saudable, o tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, será o encargado de presentar o evento no CEIP A Xunqueira I

Tino Fernández, concelleiro de Deportes e tenente de alcalde de Pontevedra
Tino Fernández, concelleiro de Deportes e tenente de alcalde de Pontevedra / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra, en colaboración coa Sociedade Deportiva Teucro, iniciarán o vindeiro martes 1 de decembro a charla inaugural do programa 'Saúde, alimentación e actividade física'. Co obxectivo de concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de facer exercicio físico regular e levar unha dieta saudable, o tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, será o encargado de presentar o evento no CEIP A Xunqueira I.

Así mesmo, esa mesma semana están previstos os obradoiros protagonizados por un monitor e por xogadores e membros do corpo técnico do club: o xoves 3 no CEIP Vilaverde e o venres 4 en Parada-Campañó.

Segundo sinalou o tenente de alcalde, cos talleres "se pretende implicar ás nenas e nenos e ás súas familias na defensa da saúde propia e colectiva", polo que continuarán ao longo de decembro e xaneiro nos colexios Froebel, Santo André de Xeve, San José, Cabanas, San Martiño, Campolongo e Álvarez Limeses. As charlas terán unha duración aproximada de 50 minutos e levaranse a cabo durante o primeiro trimestre escolar en grupos/aulas de entre 20 e 25 nenos e nenas. 

Consciente de que unha alimentación pouco saudable e un estilo de vida sedentario son as principais causas das enfermidades crónicas máis importantes, e que ambas son modificables, Fernández considera que "a infancia é un período esencial para actuar sobre a conduta alimentaria e o sedentarismo, xa que os costumes adquiridos nesta etapa van determinar o estado de saúde do futuro adulto".

Por iso, entre os obxectivos pedagóxicos do proxecto contemplan os de asociar a saúde coa mellora da calidade de vida, comprender a relación existente entre a saúde e a conduta alimentaria e a práctica de exercicio físico, adquirir habilidades para o autocoñecemento e a toma de decisións e amosar unha actitude crítica razoada fronte ás mensaxes que comportan hábitos pouco saudables (en particular os publicitarios).

Finalmente, durante as sesións que se realizarán nos colexios, farán entrega dunha bolsa de tea cun kit de merenda saudable e un folleto informativo para as familias sobre alimentación e actividade deportiva. Ao finalizar o obradoiro distribuirán entre o profesorado unha guía para perfeccionar e mellorar o contido exposto na charla.