O Teucro non cumpre coa súa parte en Alcobendas e o ascenso terá que esperar (32-26)

Pontevedra
08 de abril 2017

Máis de seis meses despois os azuis caeron derrotados e deberán esperar polo menos 15 días para cantar o alirón. O Teucro non atopou o seu xogo e foi a remolque durante todo o partido, desde o parcial de 5-1 inicial que lle endosou o Alcobendas

Partido entre Teucro e Alcobendas no Municipal
Partido entre Teucro e Alcobendas no Municipal / Cristina Saiz

Dúas cousas tiñan que pasar para que o Teucro puidese cantar este sábado o alirón e o ascenso de categoría. Non fallar no seu difícil compromiso na cancha do Alcobendas e que Palma del Río non gañase en Zamora, e ningunha destas dúas circunstancias produciuse. 

A que dependía dos azuis, a imprescindible, non se cumpriu polo gran partido dun Alcobendas que se xogaba a súa clasificación para o play-off e que foi mellor desde o inicio (32-26), inflixindo unha derrota aos pontevedreses máis de seis meses despois da última tras 23 xornadas invicto.

Máis de seis meses e 23 xornadas estivo sen perder o Teucro en liga

Non foi o día do cadro teucrista, superado nos minutos iniciais polo alto ritmo local que se reflectiu nun parcial inicial de 5-1. De feito o 0-1, cun gol de Carlos García, foi a única vez que os de Quique Domínguez foron por diante no marcador.

Repuxéronse os pontevedreses e mediado o primeiro tempo apertaron o choque (9-7), pero os locais, a cada intento de empatar o encontro, contestaban con bos minutos para volver ampliar a súa vantaxe. Así, chegouse con catro tantos de diferenza ao descanso (20-16).

Tentouno o Teucro na continuación, pero en ningún momento foi capaz de superar a intensidade local e o Alcobendas puido aos poucos ampliar a súa vantaxe para sentenciar o encontro.

Con esta derrota e o triunfo do Palma del Río en Zamora os azuis ven reducida a catro puntos a súa vantaxe á fronte da clasificación da División de Honra Prata. Volverán ter outra pelota de partido, esta vez na casa, ante o Barcelona B na próxima xornada ligueira (22 de abril), pero necesitarán de novo lograr un punto máis que o seu perseguidor para asegurar matematicamente unha praza na máxima categoría.

Consulta aquí as estatísticas do Alcobendas-Teucro.