O Teucro outorga categoría de 'final' ao duelo ante o Alcobendas e lanza unha promoción para os seus socios

Pontevedra
14 de novembro 2018

O club pontevedrés cualifica de "transcendental" o encontro do sábado ante un rival directo por salvar a categoría, polo que trasladou un chamamento á súa afección para lograr un ambiente "de gala" no Municipal que axude ao equipo para conseguir dous importantes puntos

Partido entre Teucro e Logroño no Municipal
Partido entre Teucro e Logroño no Municipal / Diego Torrado

Queda aínda máis de media tempada por diante, pero a situación do Teucro, último clasificado da Liga Asobal con 3 puntos, fai que se vexa o próximo encontro na casa como a primeira 'final' do curso.

Isto é así porque visita o Municipal (sábado, 20:30 horas) un rival directo pola permanencia na máxima categoría como é o Balonmano Alcobendas, décimo terceiro con 6 puntos, e a ocasión vese desde o club azul como unha oportunidade para cambiar a súa dinámica.

Por ese motivo o Teucro trasladou un chamamento de apoio á súa afección tentando que as bancadas presenten un ambiente "de gala", sinalan desde o Teucro. Esta petición apóiase nunha oferta para os socios da entidade, que poderán retirar entradas rebaixadas (5 euros) para os seus acompañantes.

Ademais este xoves membros do primeiro plantel teucrista visitarán os colexios de Barcelos e Campolongo para promocionar o encontro e repartir entradas entre os pequenos.

"Para conseguir o noso obxectivo temos que facernos fortes na casa e gañar partidos como o do sábados é practicamente unha obrigación", sinalou sobre a campaña o máximo goleador do equipo, o serbio Davor Cutura.