Dobre dose de amigables para a Sociedad Deportiva Teucro para pechar a pretempada a unha semana de comezar a liga regular de División de Honra Prata onde recibirán ao UBU San Pablo Burgos no Pavillón Municipal.
Aos pupilos de Irene Vilaboa, que xa xogaran dous amigables previos, un ante o Atlético Novás (derrota) e outro contra o BM A Cañiza (vitoria), tocoulles medirse ao BM Sant Joan, de Alacante, e ao CB Chapela.
O sábado desprazáronse para enfrontarse ao conxunto de Redondela, onde xa nos primeiros minutos demostraron ser un equipo de maior categoría ao poñerse cunha vantaxe de 2-7 cando se alcanzaba o ecuador da primeira metade. A partir de aí seguiron na súa liña, aumentando a vantaxe a sete tantos ao chegar ao descanso (5-12).
Despois do paso polo vestiario o Teucro seguiu dominando. Aos 15 minutos xa levaban unha diferenza de nove goles (9-18), pero o Chapela reduciu distancias cun parcial final de 7-4 que non foi suficiente para remontar o encontro (16-22).
Pola súa banda, o partido disputado o venres contra o Sant Joan no Pavillón Multiusos A Xunqueira saldouse con derrota do equipo pontevedrés.
Foi un duelo moi igualado ata o asubío final. A primeira parte foi para o equipo dirixido por Irene Vilaboa (11-10) pero, no segundo acto, o equipo alacantino tivo maior fortuna e levou a vitoria no que foi o terceiro amigable para o Teucro (21-22).