O Teucro, relegado ao Multiusos da Xunqueira para recibir o Galdar canario

Pontevedra
22 de novembro 2022

A indispoñibilidade do Pavillón Municipal dos Deportes por un campionato de karate, unida á ocupación con outras competicións do CGTD e Príncipe Felipe farán que o Teucro xogue a súa próxima xornada de liga no Pavillón Multiusos, sen apenas aforo para o público

Partido entre Teucro e Xiria
Partido entre Teucro e Xiria / Cristina Saiz

A tempada da Sociedad Deportiva Teucro na Primeira Nacional, tras o seu descenso de categoría, non está a resultar nin moitos menos sinxela, non só a nivel deportivo.

Aínda que as vitorias en tres das últimas catro xornadas melloraron a súa situación, fóra da cancha o vicedecano do balonmán nacional tamén atopa pedras no seu camiño.

Os pontevedreses apenas puideron disputar un encontro no Pavillón Municipal dos Deportes debido principalmente ás obras da instalación, recorrendo ao comezo da competición ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), onde disputaron ata catro partidos.

Esta circunstancia parecía xa superada, pero de novo o conxunto teucrista deberá 'emigrar' a outra instalación, nesta ocasión ao Pavillón Multiusos da Xunqueira.

A celebración a próxima fin de semana do Campionato de España Sub-21 de Karate no Pavillón Municipal dos Deportes ocupará a pista todo o sábado e gran parte do domingo, permitindo unicamente o encontro de Liga Asobal entre Cisne e Barcelona, que tivo que ser atrasado ás 19.00 horas do domingo para dar tempo ao desmonte necesario.

Ese evento deixa sen espazo o Teucro, que ten previsto recibir o vindeiro domingo 27 de novembro (12.00 horas) o Galdar canario. Os azuis non poden ademais esta vez recorrer ao CGTD, onde está previsto un encontro da Primeira Nacional Feminina de baloncesto do filial do Arxil, nin ao pavillón de Príncipe Felipe ao haber xornada da División de Honra de Tenis de Mesa.

Desa forma só o Multiusos aparece como dispoñible sen ter que deixar Pontevedra, o que ocasiona algunha que outra dor de cabeza á directiva teucrista para dar cabida aos seus abonados, xa que se trata dunha instalación con escaso aforo para o público.