O Teucro supera xa a cifra de socios da pasada tempada

Pontevedra
08 de outubro 2014

O bo inicio de tempada axudou á campaña de captación, que se achega xa aos 800 carnés retirados. O obxectivo é superar o millar de socios

A afección do Teucro festexa a vitoria sobre o Barcelona B e a permanencia
A afección do Teucro festexa a vitoria sobre o Barcelona B e a permanencia / Diego Torrado

O bo inicio de tempada, na que só coñece a vitoria tras tres partidos de liga e un de Copa do Rei, parece ter animado os afeccionados da Sociedad Deportiva Teucro a retirar o seu correspondente abono.

Na semana do derbi ante o Academia Octavio o club azul actualizou os datos da súa campaña de socios.

Con preto de 800 abonos vendidos supérase xa a cifra da pasada campaña (746), o que enche de optimismo á directiva no seu obxectivo de chegar o millar de socios.

Como novidade, os socios teucristas beneficiaranse esta tempada de descontos en diferentes establecementos comerciais.

Os primeiros en adherirse a esta lista foron Deportes González, cun 20% de desconto na compra de material deportivo, e o Hotel Hesperia Isla de la Toja, con prezos especiais por exemplo nas sesións termais ou tratamentos.

Os establecementos que se vaian sumando a esta iniciativa serán publicados na web do club www.teucro.com e tamén no seu perfil da rede social Twitter.