O Teucro enfróntase este sábado, ás 18.45 horas, ao FC Barcelona B na cidade deportiva do conxunto catalán co obxectivo de pór fin a unha serie de tres empates consecutivos e conseguir o seu primeiro triunfo en liga.
A tarefa non será sinxela porque o filial azulgrana marcha en terceira posición con tres vitorias e unha soa derrota, a sufrida hai dúas xornadas contra o último rival teucrista: o Atlético Novás. A fortaleza do cadro culé como local é unha das virtudes exhibidas polo equipo nas últimas tempadas, de feito na pasada xornada pasaron por encima do Bordils. Por iso, os azuis terán que ofrecer a súa mellor versión para volver co botín a Pontevedra.
O equipo que dirixe Irene Vilaboa chega nunha clara liña ascendente a pesar non poder estrear aínda a súa marcadora de vitorias. Na pasada xornada, despois dun inicio de partido dubitativo, os azuis conseguiron marcar o ritmo do encontro no segundo tempo para facerse cun valioso empate. Aínda así, a necesidade de comezar a sumar puntos empeza a ser urxente para distanciarse da zona baixa da táboa.