A Sociedade Deportiva Teucro segue sen levantar cabeza esta tempada. A tarde deste sábado converteuse nun pesadelo de Halloween onde o Barcelona B arroiou en cada ataque á defensa teucrista.
Aínda que os de Pontevedra lograron un parcial de 0-2 nada máis comezar o partido (Marko Dzokic e Samu Pereiro), o Barcelona respondeu anotando tres goles seguidos e poñéndose por diante aos tres minutos disputados. Ao seguinte ataque, Pereiro igualaba un partido no que pronto se comezou a mascar a traxedia.
O conxunto local pasaba por encima do Teucro en cada ataque, obrigando a Irene Vilaboa a pedir tempo morto aos 10 minutos nos que no luminoso reflectía un 12-5 que deixaba aos seus contra as cordas.
A tónica do partido foi de mal a peor para os visitantes. Estaban negados tanto en ataque como en defensa, mentres que o Barcelona convertía cada lanzamento nun gol que deixaba cada vez máis tocado ao Teucro, chegando ao descanso cun resultado imposible de remontar (24-11).
Tras o paso polo vestiario a ferida nos visitantes facíase máis grande en cada ataque blaugrana, que tiña présa por aumentar a súa vantaxe para impedirlles engancharse a un partido xa perdido.
O Barça seguía esmagando e torturando a un Teucro ao que só quedaba sentar a admirar o xogo dun rival que practicamente anotaba un gol por minuto. Xa nada podían facer, trataron de recortar distancia nos minutos finais pero de nada serviu, concluíndo o partido nun contundente 47-24.
Consulta as estatísticas do Barcelona B-SD Teucro.