O Teucro viaxa a Nava de la Asunción coa lección ben aprendida: "A estas alturas no hay partido fácil"

Pontevedra
17 de febreiro 2017

Son verbas do lateral teucrista Dani Hernández na rolda de prensa do choque ante o Nava ofrecida xunto ao técnico do equipo Quique Domínguez. Os azuis tratarán de manter o seu bo momento e, se poden, ampliar a súa renda á fronte da clasificación aproveitando os difíciles compromisos de Palma del Río e Zamora

Adestramento do Teucro no Municipal
Adestramento do Teucro no Municipal / PontevedraViva

O partido que hai menos de dúas semanas xogou o Teucro na cancha do pechacancelas Tolosa serviu para reforzar a mensaxe de Quique Domínguez, que defende a dificultade que supón puntuar fóra de casa na División de Honra Prata.

Así o asume tamén o lateral Dani Hernández, para quen "a estas alturas ya no hay partido fácil porque todo el mundo está metido en alguna pelea".

Ambos compareceron ante os medios de comunicación antes do desprazamento do equipo azul a Nava de la Asunción, Segovia, onde este sábado (18:30 horas) renderán visita o Club Balonmano Nava, décimo terceiro clasificado con 15 puntos.

"Tendremos seguramente que hacer mejor las cosas que en las últimas salidas", avisa Domínguez, para quen os segovianos son un "buen equipo".

O Teucro quere manter a súa boa serie de resultados e, se é posible, aproveitar para ampliar a súa renda á fronte da clasificación ante os complicados compromisos que deben afrontar Palma del Río e Zamora, os seus inmediatos perseguidores.

José Rial, que "se va incorporando poco a poco" ao traballo de grupo e encara a fase final de recuperación da súa lesión, será a única baixa dos azuis para a cita.

Os árbitros do encontro serán os irmáns Gallardo Cabello, da demarcación territorial andaluza.