O Teucro viaxará a Nava de la Asunción na segunda rolda da Copa do Rei

Pontevedra
01 de outubro 2018

O BM Nava, que eliminou o Cisne na primeira eliminatoria copeira, volverá cruzar cun equipo pontevedrés, o Teucro, que entrará en competición nunha segunda rolda que se disputará, a partido único, o mércores 17 de outubro

Partido entre Teucro e Logroño no Municipal
Partido entre Teucro e Logroño no Municipal / Diego Torrado

A Sociedad Deportiva Teucro xa coñece cal será o seu rival na súa estrea na Copa do Rei, na segunda rolda na que entran en competición oito dos equipos da Liga Asobal.

Os azuis enfrontaranse ao Balonmano Nava, equipo que na primeira eliminatoria do torneo do K.O. deixou na cuneta ao outro equipo pontevedrés en liza, o Cisne, segundo o establecido no sorteo celebrado este luns na sede da Real Federación Española.

Esta eliminatoria disputarase a partido único en Nava de la Asunción o próximo 17 de outubro.

Ademais do Nava-Teucro, o resto de encontros serán: Palma del Río-Atlético Valladolid, Alarcos Ciudad Real-Bidasoa, Amenabar Zaratutz-Benidorm, Bordils-Ángel Ximénez, Puerto Sagunto-Cangas, Torrelavega-Alcobendas e Agustinos Alicante-Sinfín.

Os vencedores da segunda eliminatoria enfrontaranse entre si na terceira rolda, que se disputaría a dobre partido os días 19 e 22 de decembro.