O Tenis de Mesa Monte Porreiro encaixou pasada fin de semana a súa terceira derrota da tempada. O conxunto pontevedrés disputou cinco xornadas na máxima categoría do tenis de mesa nacional, con dous duelos gañados e tres perdidos.
A última picada ocorreu o pasado venres na visita do cadro pontevedrés ao Irún Leka Enea, no que os locais venceron por catro puntos a un ao Visit Pontevedra.
Adiantáronse primeiro os locais, igualou logo a contenda o equipo da Boa Vila, pero os tres partidos posteriores decantáronse do lado vasco por idéntico resultado: tres xogos a cero.
A pesar da derrota, o TM Monte Porreiro segue situado nunha cómoda oitava posición igualado a puntos cos equipos da zona nobre da táboa.