O 2022 vai empezar cun reto internacional para dous xogadores do Club Cisne Balonmán como son Pablo González e Carlos Álvarez.
O porteiro e o extremo foron incluídos na lista de 16 xogadores que participarán coa Selección Española Júnior no Torneo 4 Nacións que se disputará entre o 6 e o 8 de xaneiro na localidade francesa de Pessac e no que tamén competirán Francia, Portugal e Alemaña.
Trátase da segunda actividade da nova xeración júnior, que con representación cisneísta conseguiu o pasado verán en idade xuvenil unha medalla de bronce no Campionato de Europa da categoría.
Na convocatoria dada polo seleccionador Rodrigo Reñones tamén figura un xogador do Balonmán Cangas, o central Ignacio Salgado.
Os xogadores están citados o 3 de xaneiro en Madrid para adestrarse nas instalacións do Consello Superior de Deportes ata o día 5, cando partirán cara a Francia. Alí permanecerán ata o día 9 de xaneiro, cando regresarán á disciplina dos seus clubs.