O Torneo Cidade de Pontevedra de Taekwondo regresa ao Municipal

Pontevedra
26 de outubro 2017

Despois dun ano de 'exilio' no pavillón de Príncipe Felipe, o torneo internacional organizado polo Mace Sport regresa ao Pavillón Municipal dos Deportes para a súa XX edición, que reunirá durante a fin de semana a máis de 1.400 deportistas 

Presentación do XX Torneo Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra
Presentación do XX Torneo Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra / PontevedraViva

Despois dun ano de 'exilio' no pavillón de Príncipe Felipe, o Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo regresa esta fin de semana ao Pavillón Municipal dos Deportes na que é xa a súa XX edición.

A competición organizada polo Mace Sport reunirá durante sábado e domingo a 1.428 deportistas nas diferentes categorías e modalidades, de 70 clubs entre os que se atopan 24 de Portugal e ata 1 de Senegal.

Os encargados de abrir fogo serán os deportistas de base na modalidade de combate, o sábado de 9:00 a 14:00 horas para a idade alevín e infantil e de 14:00 a 20:00 horas para as categorías cadete e junior.

Pola súa banda o domingo, de 9:00 a 14:00 horas, celebrarase a competición de combate absoluta e master, a partir das 9:30 terá lugar a parte de Técnica, ás 16:00 horas o Freestyle e ás 17:00 horas pechará a programación unha serie de exhibicións.

"Estou convencida que veremos un evento de moitísimo nivel", recoñeceu na presentanción do Torneo a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, acompañada entre outros polo presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso, e da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz.

A entrada para o público no Pavillón Municipal dos Deportes terá un custo de 3 euros, gratis para os nenos.