O Torneo Internacional de Xadrez volve ao Casino Mercantil

Pontevedra
27 de decembro 2017

A sexta edición do Memorial Ramón Escudeiro Tilve organizado pola Escola Xadrez Pontevedra cambia de formato e pasa a celebrarse nunha xornada, o sábado 30 de decembro, na modalidade de partidas rápidas. Espera contar con preto dun cento de xogadores

Presentación do VI Memorial Ramón Escudeiro Tilve de Xadrez
Presentación do VI Memorial Ramón Escudeiro Tilve de Xadrez / Mónica Patxot

Na súa sexta edición, o Torneo Internacional de Xadrez Memorial Ramón Escudeiro Tilve cambia de formato e de localización.

A cita organizada pola  Escola Xadrez Pontevedra regresa ao Casino Mercantil, onde comezou fai seis anos, nunha edición que pasa a contar cun só día de competición e que se disputará na modalidade de partidas rápidas despois de probar diferentes formatos nos últimos anos.

"É o torneo máis especial que organizamos", recoñeceu na súa presentación Pablo García, ao homenaxear a unha persoa moi querida no club.

O Xadrez Pontevedra agarda poder contar con preto dun cento de xogadores entre os que destaca o Gran Mestre David Lariño, vixente campión nacional no formato de partidas rápidas.

A actividade desenvolverase o sábado 30 de decembro desde as 10:00 horas e pecharase ao  rededor das 20:00 horas da tarde, cunha dotación de 3.000 euros en premios a repartir entre os primeiros clasificados.