O Universitario Ferrol, demasiado rival para o Arxil no Cidade de Pontevedra (63-81)

Pontevedra
31 de decembro 2016

As verdes víronse claramente superadas no seu torneo do Nadal ante o único equipo galego que milita na máxima categoría. A directiva xa sabe que Waleska Pérez non volverá a Pontevedra, polo que comezou a buscar unha substituta para o posto de base  

Torneo de Nadal entre Arxil e Universitario Ferrol
Torneo de Nadal entre Arxil e Universitario Ferrol / PontevedraViva

O Cidade de Pontevedra, cita do Nadal que tradicionalmente organiza o Club Baloncesto Arxil para preparar a súa volta á competición, marchou para Ferrol nun partido con pouca historia (63-81).

O cadro verde viuse claramente superado desde o inicio polo único equipo galego que milita actualmente na máxima categoría, o Universitario Ferrol.

No día no que a directiva soubo ao fin que non volverá contar con Waleska Pérez, a súa ausencia fíxose notar, e nun mal primeiro cuarto en ataque recibiron un duro castigo por parte do equipo visitante, que se foi 15 puntos arriba.

Reaccionaron as de Mayte Méndez cun bo partido de Minata Keita e igualaron o choque nos seguintes cuartos, pero sen opción algunha á remontada.

Pouco importaba, xa que se trataba de coller forma en pleno parón do Nadal antes de que se retome a competición oficial.

WALESKA PÉREZ QUEDA EN VENEZUELA

Dous días despois da súa espantada, ao non tomar o voo pago polo Arxil que lle debía traer de volta a Pontevedra tras pasar no seu país o Nadal, Waleska Pérez comunicou ao club verde, a través do seu axente, que non ten intención de volver a España alegando problemas persoais.

A súa baixa deixa tocado ao Arxil, que busca xa un reforzo de garantías para afrontar a segunda metade da tempada na Liga Feminina 2.