O Voleibol Pontevedra inicia a segunda volta con triunfo

Pontevedra
18 de decembro 2018

Unha vez alcanzado o ecuador da competición, o equipo sénior feminino CVP Alianza Española SA de Seguros iniciou a segunda parte da liga regular na Primeira División Galega de Voleibol cunha clara vitoria sobre o DompaVolei de Ourense.

Partido entre o Club Voleibol Pontevedra e o Calasancias
Partido entre o Club Voleibol Pontevedra e o Calasancias / Diego Torrado

Superado o ecuador da competición, o equipo sénior feminino do Club Voleibol Pontevedra iniciou con bo pé a segunda volta da competición na Primeira División Galega.

O CVP Alianza Española SA de Seguros conseguiu unha clara vitoria ante o DompaVolei de Ourense que lle coloca sétimo con 12 puntos e faille ampliar a súa marxe sobre os últimos postos.

As pontevedresas superaron un igualado primeiro set, que gañaron 23-25 desatascando o encontro, xa que o rival opuxo menos resistencia desde entón pechando o partido cun tenteo de 9-25 e 18-25.

Foi unha xornada dobremente positiva para o CVP, xa que puido dar minutos a xogadoras do equipo xuvenil.

Antes de pechar o ano, o Voleibol Pontevedra aínda recibirá o vindeiro sábado 22 de decembro ao Zalaeta da Coruña nun partido que se disputará no Centro  Galego de Tecnificación Deportiva.