O Waterpolo Galaico forza o desempate na final galega tras vencer na Coruña (12-13)

Pontevedra
25 de maio 2015

O equipo pontevedrés tirou de orgullo para remontar un encontro que se lle puxera en contra e forzar o terceiro partido da final polo título, que se disputará de novo na cidade herculina

Equipo absoluto masculino do Club Waterpolo Galaico
Equipo absoluto masculino do Club Waterpolo Galaico / CW Galaico Pontevedra

Con uñas e dentes defendeuse unha vez máis o Waterpolo Galaico para, contra prognóstico, forzar o terceiro e último partido da final polo título galego.

Os de Javi de Sáa tiraron de orgullo para, tras a clara derrota do primeiro partido en Pontevedra, remontar un choque que se lle puxera custa arriba nun primeiro cuarto que finalizou 3-1 a favor do Club Natación Coruña.

No segundo parcial o Galaico mellorou ofensivamente para poñerse a un gol (7-6) a pesar de que os erros defensivos dificultaban a tarefa.

No terceiro cuarto igualouse todo para decidirse no último parcial, no que a falta de tres minutos todo parecía sentenciado para os coruñeses (12-9). Foi entón cando o equipo pontevedrés sacou a súa mellor versión para asinar unha remontada in extremis que lles deixa con opcións de revalidar o título de liga.

O terceiro e definitivo partido da final disputarase o próximo sábado 30 de maio, de novo na Coruña.

CN CORUÑA (12): González, Escuredo, García, Carrodeaguas, Gato (3), Alba, Abuin (4), García (2), Orozco, Martins (2), Iglesias, Blanco (1), Sánchez. 

CW GALAICO PONTEVEDRA (13): Raúl, Rober (1), Aarón (3), Rubén, Artai, Miguel, Ángel (1), Andrés (4), Juanjo (1), Iago, Bran (3), Pablo, Pablito.

Parciais: 3-1, 4-5, 2-2, 3-5.