O Waterpolo Pontevedra segue crecendo cun bo papel no Campionato de España

Pontevedra
19 de maio 2016

O equipo pontevedrés concluíu nunha meritoria quinta posición o Campionato de España Masculino de 3ª División disputado nas instalacións do Club Natació Montjuic

Equipo do Waterpolo Pontevedra no Campionato de España de 3ª División
Equipo do Waterpolo Pontevedra no Campionato de España de 3ª División / Club Waterpolo Pontevedra

Positiva experiencia para o Club Waterpolo Pontevedra no Campionato de España de 3ª División disputado nas instalacións do Club Natació Montjuic.

Os pontevedreses finalizaron nunha meritoria quinta posición, con dúas derrotas e tres vitorias, na que tamén supoñía fase de ascenso á Segunda División nacional.

Oito equipos participaron na competición. Os xogadores do Waterpolo Pontevedra debutaron con senllas derrotas ante os potentes CN Rubí (15-5), filial do equipo de División de Honra, e Hospitalet (16-3). Despois repuxéronse para xogar ante equipos de nivel similar ao seu gañando a Albacete (6-7), CW Navarra (11-7) e CD Fortuna (9-10).

Cinco partidos en tres días que serven para medir o nivel dun equipo en progresión e que aspira a seguir crecendo. A Nivel individual ademais, o pontevedrés Andrés Villaverde foi o terceiro máximo goleador do torneo.

CAMPIONATOS GALEGOS EN PONTEVEDRA

O vindeiro sábado 21 de maio a piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acollerá os primeiros campionatos galegos de verán coa celebración do Benxamín Mixto e Cadete Feminino.

O Campionato Galego Benxamín Mixto contará coa participación de 3 equipos galegos: RCN Vigo, CW Santiago e CW Pontevedra. Pola súa banda no cadete competirán os catro equipos que xogaron a liga: RCN Vigo, CW Santiago, Asociación Coruñesa e CW Pontevedra.

Os partidos xogaranse en xornada de mañá e tarde, de 11:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:00 horas.