O xogador do Ravachol Javier Rey pon rumbo ao mundial sénior de bádminton

Pontevedra
18 de novembro 2021

O campionato celébrase entre o 28 de novembro e o 4 de decembro en Huelva e o xogador pontevedrés participará na modalidade de dobres xunto ao vigués  Benjamín Albores

Javier Rey, xogador do Bádminton Ravachol clasificado para o mundial sénior
Javier Rey, xogador do Bádminton Ravachol clasificado para o mundial sénior / Bádminton Ravachol Pontevedra

O xogador do Club Bádminton Ravachol Pontevedra, Javier Rey, conseguiu a clasificación para o Campionato do Mundo Senior, que se disputará entre os días 28 de novembro e 4 de decembro en Huelva.

Tras os bos resultados colleitados durante a tempada nas diferentes competicións autonómicas e nacionais (destacando o título de campión autonómico), o deportista pontevedrés alcanzou a clasificación para a máxima competición global na modalidade de dobres masculino, xunto a Benjamín Albores, do CB Cíes de Vigo, que ademais é pai de dúas novas promesas da canteira do Ravachol Pontevedra.

Javier afronta así o maior reto da súa dilatada carreira deportiva, e ultima a súa preparación para a cita mundialista para chegar nas mellores condicións posibles. O obxectivo principal é gozar a experiencia ao máximo e avanzar todas as roldas posibles.

Na mañá deste mércores coñecéronse os rivais da dupla galega en primeira rolda, que se medirán aos franceses Patrice Gouva e Raymond You.