O Zamora poderá finalmente dar cabida a 1.135 dos seus socios no partido contra o Pontevedra

Pontevedra
06 de novembro 2020

Así o anunciou o club zamorano a última hora do xoves, tras recibir a autorización das autoridades de Castela e León. A cifra contrasta cos 150 espectadores que presumiblemente poderán acudir ao próximo encontro en Pasarón  

Bancada de Pasarón con limitación de aforo no partido de liga entre Pontevedra e Celta B
Bancada de Pasarón con limitación de aforo no partido de liga entre Pontevedra e Celta B / Cristina Saiz

Esta tempada as variables que poden afectar o desenvolvemento da Segunda División B son moitas, e unha delas é a asistencia ou non de público aos estadios.

Nese sentido as restricións sanitarias castigaron de maneira máis dura ao Pontevedra no que vai de liga que a algúns dos seus rivais. Así, mentres que o Racing de Ferrol puido xogar contra os granates na primeira xornada de liga ante 1.000 dos seus seguidores, os da Boa Vila tiveron que conformarse coa cifra máxima de 300 nos seus dous partidos consecutivos na casa debido ao aumento das restricións en Galicia.

Agora, na cuarta xornada, a que afrontará o vindeiro domingo 8 de novembro (17.30 horas) no Estadio Ruta de la Prata fronte ao Zamora, volverá contar co factor ambiental en contra.

Segundo informou a última hora do xoves o club castelán-leonés, logrou a autorización das autoridades sanitarias da súa comunidade para dar cabida a 1.135 afeccionados nas bancadas no choque contra o Pontevedra, "o máximo permitido no estadio actualmente debido ás restricións sanitarias impostas pola Covid-19", sinala a entidade branquivermella.

"As entradas son única e exclusivamente para os socios do Zamora CF, no caso de que non se cubrisen todas as prazas dispoñibles, non se poñerán á venda baixo ningún concepto o resto de entradas", completa no seu comunicado o cadro zamorano.

Esta cifra contrasta cos espectadores que presumiblemente poderán acudir ao próximo encontro de liga no Estadio Municipal de Pasarón, o 22 de novembro fronte ao Salamanca CF UDS, que será dun máximo de 150 persoas se se logra é de esperar a autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta, a teor da normativa recollida esta semana no Diario Oficial de Galicia.