"Objetivo más que cumplido" para Mireia Belmonte, satisfeita dos seus resultados en Pontevedra

Pontevedra
11 de abril 2017

A campioa olímpica, estrela indiscutible da natación nacional, conseguiu seis medallas de ouro no Campionato de España Open celebrado en Pontemuiños, unha piscina na que se atopou moi cómoda e que "es bastante buena, es muy rápida", valorou ao termo da competición

Jéssica Vall e Mireia Belmonte na última xornada do Nacional Open de Primavera de Natación
Jéssica Vall e Mireia Belmonte na última xornada do Nacional Open de Primavera de Natación / Mónica Patxot

Todas as miradas estiveron centradas nela durante o Campionato de España Open, en Pontemuiños, e non é para menos. Mireia Belmonte chegaba á cita como estrela indiscutible da natación nacional tras a súa medalla de ouro olímpica en Río de Janeiro, e confirmou esa condición cunha actuación sobresaliente en cada unha das catro xornadas.

A nadadora catalá impúxose en todas e cada unha das seis probas que disputou, medallas de ouro que viu referendadas coa mínima mundialista en todas esas distancias: os 400, 800 e 1.500 libre, 200 e 400 estilos e a 200 bolboreta.

"El balance es bastante positivo", recoñeceu este martes ao termo da competición. "Objetivo más que cumplido, y creo que es un buen inicio para la parte que viene ahora de la temporada", explicou.

Mireia non só acabou contenta co seu rendemento, senón polas sensacións nunha piscina pontevedresa na que xa competiu en 2013 e que "la verdad es que es bastante buena, es muy rápida", aínda que para que os resultados acompañasen "también influye el estado de forma", comentou.

Agora a máxima representante da natación española tratará de "desconectar unos días" antes de volver aos adestramentos coa mente posta no Mundial de Budapest, no que tentará "estar en el máximo de finales posible y si en el mariposa puedo coger medalla creo que sería un buen objetivo", sinalou antes de despedirse da cidade de Lérez.