Obxectivo alcanzado para o Arxil no Nacional Infantil ao avanzar ata os oitavos de final

Pontevedra
17 de xuño 2015

O club verde finalizou a primeira fase da competición con dous triunfos e unha derrota. Enfróntase este mércores ao La Salle Tenerife na primeira eliminatoria

Partido do Nacional Infantil de baloncesto entre Arxil e Uni Girona Daniel Santomé

Estase a mostrar como unha das revelacións do campionato, evidenciando a súa mellor versión co apoio da bancada pontevedresa.

O Club Baloncesto Arxil goza da organización do Campionato de España Infantil Feminino e faino co seu equipo clasificado para os oitavos de final, obxectivoque se formulaban ao inicio da competición aínda que acudían á cita sen presión.

Tras o triunfo contundente da primeira xornada ante o La Salle Melilla, as pontevedresas selaron o seu pase ás eliminatorias gañando de xeito máis sufrido ao Cabaña Buenavista (57-55) no seu segundo encontro.

Cos deberes feito só faltaba coñecer en que posición pasaba aos cruzamentos, que será finalmente a segunda tras encaixar na xornada final da fase de grupos a súa única derrota, ante o Uni Girona (57-65) nun choque que malia todo deixou boas sensacións no club verde, dada a calidade do rival.

Agora as xogadoras adestradas por Marita Janeiro avanzan ata os oitavos de final, onde non queren descartar nada ante o La Salle Tenerife, rival este mesmo mércores do Arxil ás 19:00 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

A competición entra pois na súa fase decisiva concentrando os partidos en dúas das súas tres sedes, o propio CGTD e o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.