Obxectivos dispares para Cisne e Teucro na última xornada da primeira fase de liga

Pontevedra
25 de febreiro 2022

A División Honra Prata masculina de balonmán regresa este sábado en horario unificado coa última xornada da primeira fase. Cisne e Teucro poñerán fin ás 19:00 horas a unha campaña do todo dispar na que un é líder e o outro é pechacancelas pero na que ambos buscarán finalizar con vitoria

Partido de División Honra Prata entre Cisne e Alcobendas no Pavillón Municipal
Partido de División Honra Prata entre Cisne e Alcobendas no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

A División Honra Prata masculina de balonmán regresa este sábado en horario unificado coa última xornada da primeira fase. Cisne e Teucro poñerán fin ás 19:00 horas a unha campaña do todo dispar na que un é líder e o outro é pechacancelas pero na que ambos buscarán finalizar con vitoria.

En casa xogará o conxunto branco, que recibirá no Pavillón Municipal a un San Pablo Burgos "preparado para tentar o ascenso a Asobal", asegura o segundo adestrador, Quiños. E é que se gaña ou empata co Cisne meterase de cheo na fase polo ascenso, polo que o partido antóllase " complicadísimo" en parte ademais "pola calidade do persoal".

De feito, o equipo pontevedrés tivo que sufrir, e moito, para sacar os dous puntos da súa visita a Burgos, onde tivo que remontar para así finalizar líder a primeira volta. É por iso que para Quiños é un dos "cocos da categoría", xa que conta con grandes xogadores como o ruso Dashko Ruslan ou Ignacio Suárez, ao que considera "un dos xogadores máis desequilibrantes" que ademais foi pichichi a pasada tempada.

Intranscendente será o duelo da Sociedade Deportiva Teucro contra o Guadalajara, xa que o sistema de competición fai que os dous puntos en xogo non sirvan para nada ao tratarse de dous equipos que pasarán a fases diferentes, uns á de descenso e outros á de ascenso. Nela só contarán os puntos conseguidos contra os competidores directos.

O cadro manchego, último rival do conxunto azul o pasado domingo no duelo aprazado da xornada 9, está acomodado na segunda praza con 25 puntos e buscará conseguir a súa terceira vitoria consecutiva fronte a un Teucro pechacancelas que espera rivais para a segunda fase na que se xogará a permanencia.