Okutu, ante o seu reto máis difícil

Marín
17 de febreiro 2016

O atleta marinense necesita nos próximos meses mellorar o seu record galego (8,04 metros) para acudir aos Xogos Olímpicos. Antes, na tempada baixo teito, asoma no horizonte o Mundial de Portland cuxa mínima en lonxitude son os 8,18 metros 

Jean Marie Okutu antes de adestrar no CGTD
Jean Marie Okutu antes de adestrar no CGTD / PontevedraViva

Jean Marie Okutu atópase inmerso no medio da tempada atlética baixo teito nun ano no que os obxectivos, aínda que alcanzables, son máis complicados que nunca.

O triplo campión de España de salto de lonxitude debe superar amplamente o seu record galego para aspirar a estar nos Xogos Olímpicos. A súa mellor marca ao aire libre son os 8,04 metros logrados o pasado verán en Sierra Nevada, e a mínima olímpica, que debe acreditar entre o 1 de maio e o 11 de xullo, sitúase nos 8,15 metros.

Antes, en pista cuberta, asoma no horizonte o Campionato do Mundo de Portland (Estados Unidos) para o que a marca mínima é máis elevada, de 8,18 metros, un rexistro díficil de lograr a estas alturas de tempada.

O atleta marinense do Fútbol Club Barcelona acredita polo momento este ano 7,76 metros na Copa do Rei celebrada en xaneiro en Valencia, pero buscará mellorar o seu rexistro nas próximas competicións.

No seu calendario conta con dúas opcións claras en pista cuberta como o Miting Centenari, que terá lugar o vindeiro venres 19 de febreiro en Sabadell, e o Campionato de España en Pista Cuberta que se disputará na nova instalación atlética de Madrid, o Centro Deportivo Gallur, os días 5 e 6 de marzo.

O Campionato do Mundo de Portland terá lugar entre os días 18 e 20 de marzo.