Obxectivo cumprido para Jean Marie Okutu no arranque do Campionato de Europa de Atletismo en Pista Cuberta que se está a celebrar en Praga.
O atleta marinense meteuse na final do salto de lonxitude tras unha cualificación moi aberta. Fíxoo grazas ao seu terceiro e último salto, no que logrou unha marca de 7.86 metros, a quinta mellor de todos os participantes.
Okutu comezou a competición cun discreto salto de 7.44 metros, mellorando no segundo cun 7.77 que o tivese deixado fóra da final por moi pouco.
Ningún dos 24 atletas participantes superou a barreira dos 8 metros, que supoñía a clasificación directa, sendo a mellor marca a do sueco Michel Tornéus (7.97).
A sorpresa da xornada deuna o gran favorito en lonxitude, o francés Kafétien Gomis, que ostenta a mellor marca europea do ano (8.18 metros) pero que non pasou dos 7.65.
A súa ausencia, xunto ás baixas doutros favoritos como o español Eusebio Cáceres ou o británico Greg Rutherford, abren as posibilidades de podio para Okutu e os outros sete participantes dunha final que se celebrará este venres a partir das 17:55 horas no pavillón O2 de Praga, aínda que para aspirar a iso o marinense deberá situarse nas súas mellores marcas.