Meritorio quinto posto de Jean Marie Okutu no Europeo de atletismo en pista cuberta

Marín
06 de marzo 2015

Okutu quedou finalmente a trece centímetros do bronce. Aínda así, é a súa segunda mellor marca en pista cuberta e queda a só tres centímetros da súa propia marca persoal, os 7.96 metros que logrou recentemente en Antequera

Jean Marie Okutu, durante a cualificación do Europeo de Praga
Jean Marie Okutu, durante a cualificación do Europeo de Praga / Teledeporte

Rozou a medalla de bronce durante algún tempo, pero finalmente o marinense Jean Marie Okutu non puido colgarse un metal no Campionato de Europa de atletismo en pista cuberta que se está a disputar na cidade de Praga. O seu mellor intento, que lle levou ata os 7.93 metros, situáronlle nun meritorio quinto posto da final de salto de lonxitude.

O atleta do FC Barcelona deuno todo durante o seu concurso. Iniciou a final cun salto de 7.85 metros e tras facer un nulo no segundo intento, voou ata os 7.93 metros no terceiro. Chegaba así ao ecuador do concurso na cuarta praza provisional, a tan só dous centímetros do bronce.

Pero o marinense, que xa lamentara as malas sensacións que notaba sobre a tarima de Praga, non puido mellorar o seu resultado nos últimos saltos. Neles, arriscou moito e a xogada non lle saíu ben, completando a súa participación con dous novos saltos nulos e un falido intento no que marcou tan só 6.07 metros.

Okutu quedou finalmente a trece centímetros do bronce. Aínda así, é a súa segunda mellor marca en pista cuberta e queda a só tres centímetros da súa propia marca persoal, os 7.96 metros que logrou recentemente en Antequera.

O atleta marinense, campión de España baixo teito os tres últimos anos, foi un dos tres finalistas españois na primeira xornada de competición en Praga.