Okutu voa ata os 8,04 metros en lonxitude pero queda a un paso da mínima mundialista

Marín
10 de agosto 2015

O atleta marinense bateu o seu record galego en Serra Nevada, pero quedou a seis centímetros de lograr o pasaporte para o Mundial de Beijing

Jean Marie Okutu no Campionato Galego de Atletismo no CGTD de Pontevedra
Jean Marie Okutu no Campionato Galego de Atletismo no CGTD de Pontevedra /

Era a última oportunidade para lograr a márca mínima esixida para participar dentro duns días no Campionato do Mundo de Atletismo en Beijing, e quedou ás portas.

Jean Marie Okutu bateu o seu record galego de salto de lonxitude no control de saltos, velocidade e valos organizado pola Federación Española no Centro de Alto Rendemento de Serra Nevada, pero a marca non foi suficiente.

O atleta marinense voou ata os 8,04 metros, superando os 8,01 que eran ata o momento o seu mellor rexistro de sempre. Fíxoo no seu cuarto intento do concurso de lonxitude.

Okutu quédase así a só 6 centímetros dos 8,10 metros esixidos pola Federación Internacional, que endureceu esta tempada os criterios de acceso ás grandes competicións internacionais, e queda a expensas de poder entrar nas prazas de repesca para estar finalmente en Beijing.

Con todo o rexistro alimenta a esperanza da clasificación olímpica para Río 2016, pero para iso Jean Marie deberá chegar ata os 8,15 metros.