É a primeira vez que un equipo galego toma parte do Waterpolo Open Turbo Christmas Cup de Barcelona e a experiencia para o Waterpolo Galaico Pontevedra non puido ser máis positiva.
Os alevíns do club pontevedrés participaron durante os últimos días de decembro no prestixioso torneo, ao que acoden algunhas das canteiras máis representativas do waterpolo nacional.
O Galaico, de feito, quedou encadrado no grupo C xunto con históricos como o CE Mediterrani, CN Sant Andreu, CN Catalunya e CN Montjuic, ademais de co tamén catalán CN Villarana.
A competición arrincou cun triunfo ante o Villarana (5-1), o que animou aos pontevedreses, que con todo cederían no seu segundo compromiso ante o Montjuic (3-7) despois de empezar o partido 2-0 a favor.
Xa no segundo día de torneo chegou o mellor encontro, con vitoria contundente ante o Sant Andreu (7-0), antes de pechar a primeira fase con derrotas ante o Mediterrani (4-8) e Catalunya (3-4).
Nos emparellamentos o Galaico enfrontouse ao CN Rubí nun choque moi igualado que se decidiu ao seu favor cun penalti nos últimos segundos (5-4). A vitoria permitía loitar polas posicións media-altas da clasificación, acabando finalmente no posto 12 de 24 equipos tras perder por penaltis ante o Mataró (3-3) e caer tamén ante o Catalunya (3-4).
Ademais da positiva experiencia para todo o equipo, as tres mozas do equipo participaron nun combinado feminino xogando tres partidos máis que lle permitiron avanzar na súa formación.