O Waterpolo Galaico mantén a súa condición de invicto no inicio da segunda volta

Pontevedra
19 de xaneiro 2016

O cadro pontevedrés venceu con autoridade en Ourense e mantense líder invicto da Primeira División Galega pasado o ecuador da liga regular

Equipo do CW Galaico no partido ante o RCN Vigo
Equipo do CW Galaico no partido ante o RCN Vigo / Diego Torrado

A segunda volta de competición na Primeira División Galega de waterpolo comezou igual que terminou a primeira para o Galaico Pontevedra, líder invicto da clasificación.

Os pontevedreses liquidaron con comodidade o seu primeiro partido do ano en Ourense, ante o Pabellón, ao que derrotaron por un contundente 7-24.

O primeiro cuarto evidenciou a superioridade do Galaico (3-8), e a pesar de baixar o ritmo no segundo parcial (2-3), os pupilos de Javi de Sáa sentenciaron con rapidez tras o descanso.

O Galaico segue primeiro da liga regular con 18 puntos, seguido do CN Coruña con 15, equipo ao que visitarán na próxima xornada.

En Ourense tamén se disputaron dous partidos máis de categorías base, con pleno de triunfos para os pontevedreses en idade infantil, gañando o equipo B (0-8) e o equipo A (0-9) do Galaico.