Primeira derrota do Waterpolo Galaico en liga que aperta a loita pola primeira praza

Pontevedra
16 de febreiro 2016

O equipo pontevedrés viuse sorprendido a domicilio polo Club Natación Coruña, que se coloca a tres puntos do Galaico e o average gañado pero cun partido menos a falta de dúas xornadas para o fin da liga regular

Final da Copa Galega Absoluta de Waterpolo entre Galaico e Coruña
Final da Copa Galega Absoluta de Waterpolo entre Galaico e Coruña / Diego Torrado

Inoportuno tropezo do Club Waterpolo Galaico na súa visita á piscina dun dos seus perseguidores na táboa da Primeira División Galega, o Club Natación Coruña (13-9).

Os pontevedreses perderon en Coruña o seu primeiro partido de liga e ven comprometido o seu liderado a falta de dúas xornadas para que conclúa a liga regular.

O Galaico mantén tres puntos de vantaxe sobre Santiago e Coruña, pero os herculinos contan cun partido menos e o average gañado cos pupilos de Javi Sáa, nun aspecto que pode ser determinante para asegurarse a vantaxe de campo no play-off polo título.

Un mal inicio de partido, cun parcial de 4-1 no primeiro cuarto, complicou aos pontevedreses. Con todo conseguiron remontar e empatar o choque no terceiro período (7-7), pero os fallos en ataque, ademais das queixas do Galaico polo diferente criterio nas xogadas de dous metros, impediu que se puxesen por diante e o Coruña aproveitou para distanciarse de novo.

A próxima xornada o Galaico viaxará a Vigo mentres os seus inmediatos perseguidores, Coruña e Santiago, enfrontaranse entre si.