O futuro está asegurado para o Club Waterpolo Galaico Pontevedra. Cun equipo no que figuraban varios xogadores cadetes e cinco xuvenís de primeiro ano os pontevedreses proclamáronse campións galegos.
Fixérono tras dominar a competición celebrada na Coruña logrando un dobre premio, a súa clasificación para o Campionato de España que se disputará do 8 ao 10 de xullo nas Palmas.
En canto ao autonómico, o Galaico arrincou a primeira fase vencendo con claridade ao RCN Vigo (9-15) e ao segundo equipo do CN Coruña (28-1).
Clasificado para as semifinais, cruzouse no camiño dos pontevedreses o CW Santiago, ao que gañaron por 19-10 antes de enfrontarse na final ao CN Coruña 'A', partido que dominaron desde o inicio para lograr unha renda de tres goles que aos poucos irían aumentando ata o 5-11 final.
Todo iso grazas a un gran sacrificio defensivo que fixo que apenas se notase a baixa do seu porteiro, Pablo Sueiro, por lesión.