Os clubs deportivos de Pontevedra xa poden solicitar as subvencións municipais do ano 2020

Pontevedra
26 de agosto 2021

A Concellería de Deportes publica no BOP a convocatoria das axudas anuais para o fomento da práctica deportiva e a participación en competicións oficiais, dotadas dunha achega de 300.000 €

Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra
Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra / Concello de Pontevedra

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este mércores nas súas páxinas a convocatoria de subvencións do ano 2020 para fomentar a práctica deportiva e a participacións dos clubs pontevedreses en competicións oficiais, abríndose deste xeito, a partir do día 26, un prazo de 15 días naturais para que as entidades interesadas poidan presentar as súas solicitudes.

A convocatoria, na que se valorará a actividade desenvolvida durante a tempada 2019/2020, conta, ao igual que nos últimos exercicios, cunha achega global de 300.000 euros, coa que se veñen atendendo unha media de 65 peticións de axudas por ano. Tal e como sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “por tratarse dun período competitivo que estivo marcado profundamente pola pandemia da Covid-19, as bases foron adaptadas para procurar un menor impacto na economía das entidades deportivas do Concello que, unha vez iniciada a súa tempada, viron modificados ou suspendidos os seus calendarios de competicións, e parcialmente suspendidas as súas actividades”.

Todas aquelas entidades interesadas en ser beneficiarias de axudas ao amparo da citada convocatoria deberán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica do Concello de Pontevedra, mediante o procedemento 204A.