Os comuneiros de Verducido aproban "por unanimidade" ceder terreos para a cidade deportiva do Pontevedra

Pontevedra
10 de marzo 2019

"La gente está muy ilusionada con el proyecto", asegura o presidente da Comunidade de Montes de Verducido tras celebrar este domingo unha asemblea na que se tomou a decisión de ofrecer terreos ao Pontevedra Club de Fútbol en Monte Balado

Campo de fútbol de Cerponzóns
Campo de fútbol de Cerponzóns / PontevedraViva

A Comunidade de Montes de Verducido deu o visto e prace este domingo á posibilidade de ceder terreos ao Pontevedra Club de Fútbol para a construción da súa ansiada cidade deportiva.

O centro social da parroquia acolleu a reunión dos comuneiros, que votaron "por unanimidad" ofrecer ao club granate o actual campo de Monte Balado e terreos lindeiros coa intención de que alí se sitúe o centro de adestramento.

"La gente está muy ilusionada con el proyecto", asegura o presidente da Comunidade de Montes, Marcos Rey.

Á reunión acudiron ao redor de 60 veciños, o que supón "el 45% de los comuneros" da zona, explica o dirixente do colectivo.

A intención da Comunidade de Montes de Verducido é trasladar agora ao Pontevedra, con quen estivo en contacto nos últimos meses, a aprobación dos propietarios dando "carta libre para coger los terrenos que quieran".

"Si la cosa sigue avanzando la idea es que venga el club y nos explique qué quiere hacer", sinala Rey, momento no que se negociará "la contraprestación que ofrece".

O proxecto que promoven os comuneiros de Verducido contempla a cesión por 30 anos prorrogables por outros 30 o campo de Monte Balado e os citados terreos lindeiros. A pelota está agora no tellado do Pontevedra Club de Fútbol.