Varias son as opcións que manexa o Pontevedra Club de Fútbol para tentar construír unha cidade deportiva, aínda que "la parcela que el Pontevedra ve más interesante es en A Xunqueira de Alba". Así o explicou este venres a presidenta da entidade, Lupe Murillo, tras recoñecer contactos coa dirección xeral de Costas respecto diso, ao tratarse dunha zona catalogada de dominio público marítimo-terrestre.
"Hemos hablado con Costas y no lo ven una mala alternativa, es más dan opciones de que tuviéramos una concesión sobre ese terreno. Lo ven como una posibilidad viable", avanzou a dirixente granate.
En concreto o proxecto que manexa o Pontevedra Club de Fútbol contempla a construción de dous campos de fútbol-11, un deles cunha bancada con capacidade para 1.000 espectadores, outro de fútbol-8, ximnasio, área social e área de estudo. Os campos, en principio, serían de céspede artificial.
O Pontevedra fixa o custo aproximado da obra en 2 millóns de euros
Todo iso tería un custo aproximado de 2 millóns de euros, segundo cifrou a presidenta, unha cantidade que "es abordable" para as arcas do club a longo prazo, defendeu, aínda que sen descartar que se puidese producir algunha axuda pública.
A nivel administrativo, a construción na Xunqueira da cidade deportiva nas parcelas ás que se lle botou o ollo (unha conta cun vello campo de fútbol abandonado, tras o Parque de Maquinaria da Deputación), necesitaría unha "pequeña modificación del Plan Xeral", recoñeceu Murillo, debido a un camiño que pasa polo lugar.
Outro punto fundamental sería a colaboración do Concello de Pontevedra, polo que "las próximas semanas intentaremos avanzar con los políticos de esta ciudad", anunciou Lupe Murillo.
Con todo neste aspecto a presidenta granate revelou que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, prefire outra das opcións que hai encima da mesa, que sería ocupar o campo de fútbol de Xeve que o Concello acaba de renovar e afrontar a remodelación do vello campo de Lérez, que podería mesmo pasar a ser de céspede natural.
Ademais existe a opción plantexada precisamente no campo de Monte Balado pola Comunidade de Montes de Verducido, cunha cesión de terreos que foi aprobada por unanimidade entre os comuneiros. De feito a presidenta quixo agradecer a esta comunidade e á de Lérez a súa predisposición e interese porque "para nosotros es un honor y orgullo sentir que se nos quiere".
Para pechar a súa exposición, e volvendo á posibilidade de crear unha cidade deportiva na Xunqueira de Alba, Murillo sinalou convencida que "si todo ponemos voluntad, en este caso la política ellos y nosotros la intención creo que puede ir adelante". O tempo dirao.