Os deportistas pontevedreses lanzan unha mensaxe contra a violencia machista

Pontevedra
25 de novembro 2020

As redes sociais asoláganse de publicacións de figuras do deporte local contra o machismo e a violencia cara ás mulleres

A piragüista Teresa Portela di non á violencia machista
A piragüista Teresa Portela di non á violencia machista

É 25 de novembro, unha xornada dedicada á loita contra a  violencuia machista. Toda a sociedade do país expresa hoxe a súa repulsa contra unha secuela que padecen miles de mulleres en España e todo o mundo. E o ámbito do deporte, cos valores da igualdade, superación, respecto e deportividade como bandeira; fai o propio. Os perfís de clubs e deportistas pontevedreses asolagan este mércores as redes sociais cunha clara mensaxe: "non á violencia machista".

A piragüista Teresa Portela, unha abanderada da loita pola igualdade entre mulleres e homes no deporte, con cinco Xogos Olímpicos ás súas costas, colgou unha foto nas súas redes sociais acompañada do seguinte texto: "Para terminar coa violencia, a educación social pode ser a clave para previla". Tamén a nadadora olímpica Bea Gómez expresouse cunha fotografía súa na piscina coa man estendida para dicir basta.

Clubs como o Arxil, o Pontevedra Rugby Club, a Sociedad Gimnástica, a Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra ou o Pontevedra CF, cunha imaxe dos seus principais xogadores repartidos no terreo de xogo de  Pasarón facendo o mesmo xesto que a nadadora Bea Gómez; tamén contribuíron a visibilizar o compromiso de toda a sociedade contra o machismo.