Os equipos da Gimnástica dan o talle no Campionato Galego de Cros Curto

Pontevedra
29 de xaneiro 2018

O conxunto xuvenil feminino proclamouse na Rúa campión autonómico conseguindo o billete para o campionato nacional

Equipo xuvenil feminino da Gimnástica no Campionato Galego de Cros
Equipo xuvenil feminino da Gimnástica no Campionato Galego de Cros / Sociedad Gimnástica

A localidade ourensá da Rúa foi escenario o domingo do XI Campionato de Galicia de Cros Curto, ademais da competición autonómica de campo a través por clubs e individual nas categorías cadete (sub-16) e xuvenil (sub-18).

A Sociedad Gimnástica desprazou á cita aos seus equipos logrando bos resultados, especialmente no que se refire á categoría xuvenil feminina. Este equipo, formado por Paula de la Torre, Blanca Armenteros, Paola de Montis e Mónica Junquera conseguiu a medalla de ouro e o billete para participar no Campionato de España de Cros que se celebrará o 25 de febreiro en Xixón.

A nivel individual Paula de la Torre, cunha medalla de prata, e Blanca Armenteros, cun bronce, conseguiron ademais unha praza para a selección galega que acudirá ao nacional sub-16 e sub-18 en idade escolar o próximo 4 de marzo en San Pedro del Pinatar.

O outro ouro que sumou a Gimnástica foi o de Hugo García na categoría  sub-16 masculina, polo que tamén estará no Campionato de España en Idade Escolar.

Pola súa banda na categoría senior, promesa e sub-23 o equipo feminino formado por Joselyn Brea, Eva Cid, Sharay Astariz e Marina Porteiro obtiveron o terceiro posto a só seis puntos da segunda posición, mentres que o conxunto masculino foi sétimo.

CAMPIONATO GALEGO DE PROBAS COMBINADAS

Tamén se celebrou durante a fin de semana en Lugo o Campionato Galego de Probas Combinadas, unha das citas máis destacadas da tempada de pista cuberta.

No péntatlon xuvenil feminino, Clara Rivas logrou colgarse a medalla de prata cun total de 2.502 puntos. Mellor mesmo lle foron as cousas na categoría absoluta a Lucía Seijas ao facerse co ouro con 2.863 puntos.

En canto ao héptatlon masculino, Pablo Tojal e Raúl Cortizo foron prata e bronce respectivamente con 3.944 e 3.781 puntos.