Os equipos de natación e loita olímpica do CGTD, en corentena por dous casos positivos por Covid-19

Pontevedra
13 de outubro 2020

Un total de 14 deportistas do CGTD atópanse confinados. Nada máis detectar o primeiro caso, o centro realizou un cribado para descartar máis contaxios entre os 127 bolseiros que se atopaban estes días facendo uso das instalacións

Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD)
Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) / Diego Torrado

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra está en alerta tras detectarse por primeira vez positivos por Covid-19 entre os atletas bolseiros.

Trátase en concreto de dous contaxios detectados nunha nadadora do equipo de tecnificación da súa disciplina e nun deportista do equipo de rendemento de loita olímpica.

"Temos a todos os nadadores de tecnificación illados, que son 10 en total, e os de rendemento de loita que foron a Sierra Nevada", confirma o director do  CGTD, Suso López. Entre estes últimos atópanse dous deportistas que preparan o seu asalto aos Xogos de Tokyo como son os pontevedreses Lydia Pérez Touriño e Pablo García.

O primeiro caso, na disciplina de natación, detectouse o pasado mércores 7 de outubro, o que provocou o confinamento inmediato de toda a sección (tecnificación e rendemento) e tamén dos deportistas próximos na aula de estudos. "Ao final confinamos 22 persoas dunha tacada", sinala o responsable do centro.

Nese momento púxose en marcha un cribado entre os 127 deportistas bolseiros que estes días atópanse no CGTD, ademais de técnicos e persoal, detectándose un segundo caso nas probas realizadas aos loitadores tras participar nunha concentración nacional en Sierra Nevada.

Cabe destacar que ademais do cribado, os deportistas sométense a probas serolóxicas cada dúas semanas, segundo o protocolo da Secretaría Xeral para o Deporte, e tamén pasan probas antes ou despois de acudir a algunha concentración ou competición.

Os afectados atópanse confinados nos seus respectivos domicilios, estando previsto que o vindeiro venres día 16 Sanidade lles someta a novos controis. No caso de ser negativos "o domingo incorporaríanse" co inicio da nova semana.