Experiencia sen fortuna para Lydia Pérez na Copa do Mundo de Loita en Serbia

Pontevedra
14 de decembro 2020

A pontevedresa, que non puido participar nos recentes Campionatos de España Sénior e Sub-23 por atoparse en corentena pola Covid, tomou parte este luns 14 de decembro na Copa do Mundo que se celebra en Belgrado sen conseguir pasar da rolda de clasificación

Lydia Pérez, na xornada previa á Copa do Mundo en Serbia
Lydia Pérez, na xornada previa á Copa do Mundo en Serbia / Federación Galega de Loita

Lydia Pérez acumulou puntos de experiencia este luns 14 de decembro pensando no seu obxectivo do preolímpico para os Xogos de Tokyo, ao participar na Copa do Mundo de Loitas Olímpicas que se celebra na localidade serbia de Belgrado.

Non tivo excesiva fortuna na competición, pero polo menos seviulle para ir retomando a confianza medíndose ás mellores especialistas do panorama internacional despois dun final de 2020 complicado, ao perderse os campionatos de España Sénior e Sub-23, onde era favorita ao título, por ter que gardar corentena por contacto estreito con positivos por Covid.

A representante do Loita Pontevedra participou na Copa do Mundo na categoróa de -62 quilos, medíndose na clasificación a Tetiana Omelchenko, deportista de Acerbaixán, que a superou.

A súa continuidade no torneo quedaba a expensas de que Omelchenko chegase á final para así engancharse á repesca, pero iso finalmente non sucedeu.

Tras esta cita, Lydia Pérez seguirá a súa preparación cun próximo obxectivo en mente, o Torneo Matte  Pellicone que terá lugar a mediados de xaneiro en Italia, e que será unha previa da competición preolímpica.